O Concello procederá á substitución dunha parte da cuberta do pavillón de O Longoiro

O Concello de Valdoviño investirá 72.167,82 euros procedentes do POS+2019 nas obras de renovación dunha parte da cuberta do pavillón municipal de O Longoiro, en Meirás. Así o avanzou esta mañá o alcalde, Alberto González. Unha intervención moi necesaria polas deficiencias detectadas, especialmente en relación ao estado do panel sándwich e as placas de policarbonato e á corrosión detectada en elementos de anclaxe e fixación.
 
Co ánimo de solventar a problemática, a actuación contempla a substitución dunha parte do material de cubrición nunha das augas que conforman a cuberta e a colocación de pezas de remate perimetrais e substitución do canalón.
 
Unha intervención que conta cun prazo de execución de 3 meses e se suma ás realizadas nos últimos anos polo Concello nesta instalación deportiva, como a dotación dun novo sistema de drenaxe do inmoble ou as melloras na pista de xogo e instalación de portas de emerxencia.
 
Tras a súa aprobación en xunta de goberno local, no día de onte a intervención saía a licitación. O prazo de presentación de ofertas conclúe o 20 de xaneiro e pode consultarse na plataforma de contratación do sector público.