Xunta e Concello de Valdoviño dan a coñecer a especial vinculación histórica entre os camiños a Santo André e a Compostela

A Xunta de Galicia e o Concello de Valdoviño danse a man para dar a coñecer a especial vinculación que, ao longo da historia, mantiveron e manteñen o Camiño de Santiago e o Camiño a Santo André, tamén coñecido como camiño francés a Teixido. Será a través dun completo proxecto, titulado «Dende os Camiños de Peregrinación ata o Xacobeo», deseñado polo Concello e cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco do programa «O Teu Xacobeo». Incluirá peregrinacións, proxeccións cinematográficas, conferencias e incluso unha viaxe a Santiago de Compostela, esencia e xerme do Xacobeo.
 
Nesta liña, Xunta e Concello de Valdoviño lembran que historicamente moitos peregrinos, unha vez chegados a Compostela, ampliaban tamén a peregrinaxe a Santo André, ao igual que facían co Camiño a Fisterra.
 
Así, o proxecto contempla unha Peregrinaxe a Santo André, na que se explicará pormenorizadamente a súa historia, lendas e vinculación con Santiago. Así mesmo, nalgúns puntos do percorrido as persoas participantes poderán gozar de performances nas que se recrearán acontecementos tradicionais do camiño, como pode ser o das caldupeiras. E, á chegada ao santuario, organizarase un xantar tradicional a pé de campo, tal como facían os antigos romeiros. Unha iniciativa que se desenvolverá o 28 de setembro. As prazas están limitadas a 100 e o custe da actividade é de 10 euros. Inclúe o regreso en autocar e o propio xantar e é preciso inscrición previa (na Casa da Cultura de Valdoviño, o día 18 de setembro só para as persoas empadroadas en Valdoviño e os días 19 e 20 para calquer persoa interesada).
 
Ademais, o programa continuará o 11 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño, coa proxección da película “The Way”, que aborda a historia de Tom Avery (personaxe interpretado por Martin Sheen) que representa a un oftalmólogo de renome que recibe a noticia da morte do seu fillo Daniel nos Pirineos. Cando Tom se despraza ata o lugar para preparar o enterro, descobre que Daniel estaba a realizar o Camiño de Santiago e decide entón completar a ruta que o seu fillo non puido facer. No cine fórum posterior á película debatirase acerca de como a película incitou a moitos estadounidenses a facer o camiño e das vivencias que os participantes nas visitas programadas sacaron en relación ao camiño. A entrada é libre, aínda que o aforo está limitado a 180 prazas.
 
O 15 de outubro, e no mesmo escenario, o arqueólogo Ángel Concheiro Coello impartirá a charla «Camiños de peregrinación ao longo da historia: camiño de Santo André, Camiño a Teixido e Camiño de Santiago. Recoñecemento social da poboación local”. Aínda que a entrada é libre, tamén será requisito asistir á charla para tomar parte nas visitas a Santo André e a Santiago.
 
E, como broche de ouro ao proxecto, celebrarase unha visita a Santiago de Compostela o 19 de outubro para dar a coñecer aos veciños e veciñas a esencia e xerme do Xacobeo. Incluirá a visita ao Pórtico da Gloria e ao Museo da Catedral, así como un percorrido pola zona monumental. As prazas están limitadas a 50, o custe é de 10 euros e é preciso inscribirse previamente.
 
Nesta liña, solicitaráselles ás persoas participantes nas visitas a Santo André e Santiago que, finalizadas as mesmas, presenten unha fotografía que recolla o mellor momento do seu camiño nesta experiencia. Imaxes coas que o Concello organizará unha exposición nos vindeiros meses.