Arranca o curso na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia de Valdoviño coa participación de 14 nenos e nenas

Un total de 14 nenos e nenas iniciaban esta semana o curso na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. Esta mañá, o alcalde, Alberto González, visitaba as instalacións, emprazadas na contorna da lagoa e praia da Frouxeira, e informaba de que hai 6 prazas vacantes, co que as familias interesadas neste recurso de conciliación da vida familiar e laboral aínda poden solicitar unha delas no departamento municipal de Servizos Sociais (pranta baixa da casa consistorial).
 
Así mesmo, González lembraba que o prazo para solicitar as subvencións que impulsa o Concello de Valdoviño para axudar a cubrir os custes polo servizo permanecerá aberto ata o 25 de setembro. A contía máxima da axuda será do 40% dos gastos realizados e xustificados, sen que a cantidade poida superar os 800 euros para a xornada completa e os 500 para a media xornada ou as horas complementarias. As bases establecen ademais que os gastos deben corresponder ao curso 2018/2019 e que para poder optar a estas axudas a renda anual da unidade familiar non pode superar os 25.000 euros. Deben tramitarse no departamento municipal de Servizos Sociais.
 
Nesta liña, o rexidor lembraba que o Concello aprobaba para este ano a redución das tasas a abonar. Así, a xornada completa (de 8 a 16 horas) pasaba dos 190 euros mensuais aos 160 e, a media xornada (de 9 a 13 horas), dos 120 euros aos 90.
 
A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia encara o seu terceiro ano de vida cun proxecto educativo baseado no respecto pola natureza. Por último, nas últimas semanas, o Concello de Valdoviño levaba a cabo novas obras de mellora das instalacións. Así, procedía ao pintado interior do inmoble e á colocación de cortiza nas paredes.