Últimos días para apuntarse á Volta ás Forcadas

O Concello de Valdoviño lembra que este xoves 13 de xuño conclúe o prazo de inscrición na cuarta edición da carreira Volta ás Forcadas. Unha cita deportiva para todas as idades que se celebrará este domingo día 16, a partir das 11 horas e punto de partida en Loira. Con cuota de 4 euros para as categorías sénior, é gratuíta para as restantes. Así, o concelleiro de área, Sergio Saavedra, apunta que as persoas interesadas en tomar parte deben anotarse na seguinte web: www.galitiming.com.
 
Nela poden participar nenos e maiores e, segundo a idade, estas son as categorías, con distancias adaptadas a estas: Pitufos (2014 e posteriores): 100 metros; Prebenxamín (2012-2013): 100 metros; Benxamín (2010-2011): 800 metros; Alevín (2008-2009): 1.200 metros; Infantil (2006-2007): 1.200 metros, Cadete (2002-2005): 2.500 metros; Sénior (1985-2001): 7.800 metros, e Veteranos A (1968-1984): 7.800 metros, e Veteranos B (1967 e anteriores): 7.800 metros. En todo caso, a saída irase realizando de forma escalonada entre as 11 e as 11,30 horas.
 
Trátase dunha cita deportiva coa que crear e fomentar hábitos de vida saudable entre a veciñanza, abandoando o sedentarismo e ofrecendo a posibilidade de ocupar de forma saudable o seu tempo de ocio. Un obxectivo que pasa porque a actividade física en nenos e en familia sexa un elemento fundamental das persoas. De aí esta carreira, onde o importante non son os resultados, senón a participación.