O alcalde celebra que o PP se sume agora ás demandas sobre a lagoa trasladadas neste mandato polo goberno local á Xunta

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, mostrou a súa satisfacción pola decisión do PP de apoiar agora as reivindicacións do Concello sobre a lagoa e a declaración como tramos urbanos de determinados treitos das praias do municipio. En todo caso, lembra que xa o pasado mes de decembro a Xunta accedeu a valorar a petición do Concello para retirar a escollera e a area do interior da lagoa. Foi nunha xuntanza celebrada en Coruña, á que asistiron a directora xeral de Conservación da Natureza, a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, o xefe da Demarcación de Costas en Galicia e o propio alcalde de Valdoviño. Non era a primeira reunión  celebrada a instancias do Concello, e foi un punto de inflexión a xuntanza celebrada hai máis dun ano en Santiago entre representantes municipais, autonómicos e estatais para abordar a recuperación da contorna e a revisión do protocolo de actuación, xa que este constituíu un obxectivo prioritario para o goberno actual, a raíz da grave situación xerada durante o anterior mandato do PP, cando se alteraron gravemente as condicións da praia.

Así mesmo, e grazas ao traballo dos últimos tres anos e medio, a día de hoxe logrouse recuperar a zona de apertura tradicional, unha medida que está a funcionar positivamente de cara á recuperación do areal.

En relación á calificación das praias, e tras a presentación a primeiros de decembro das alegacións á proposta inicial da Xunta por parte do Concello, a conselleira de Medio Ambiente trasladoulle ao alcalde e á tenente alcalde, Rosana García, que estaba a analizar a proposta. Foi o pasado 23 de xaneiro, nun encontro en Madrid. Parece, á vista das declaracións do PP, que é intención da Xunta acceder ás peticións do Concello, logrando a declaración de tramos urbanos para a marxe dereita da praia da Frouxeira, dende o cámping municipal ata a praia pequena, e da zona sur da praia do Río, en Meirás.

Nesta liña, o alcalde botou en falla na xuntanza que o PP mantivo coa representante da Xunta que non trasladase a necesidade de acelerar a petición do Concello para ampliar o abastecemento ás parroquias, que non avanzase no apoio comprometido para os traballos de saneamento, que non abordase o proxecto xa aprobado para Montefaro ou que ignorase as medidas para o control da poboación de xabaril, cuestións nas que a Xunta ten un papel fundamental.