O Concello presenta este domingo o Calendario Municipal do 2019

Elaborado coas imaxes que achegou a veciñanza, o acto dará comezo ás 19 h na Casa da Cultura e, unha hora máis tarde, Elefante Elegante representará o seu espectáculo “O Rueiro das Liortas”
 
O alcalde, Alberto González, xunto ás concelleiras de Cultura, Rosana García, e Turismo, Jessica Sabín, darán a coñecer este domingo, 23 de decembro, o Calendario do Concello para o ano 2019. Será nun acto aberto á veciñanza, que dará comezo ás 19 horas no auditorio municipal, con entrada libre e de balde. Na xornada entregarase un exemplar a cada asistente e, a partir de aí, o Concello distribuirao entre o movemento asociativo e tamén, nos edificios municipais, como a casa consistorial ou a casa da cultura.
 
O calendario foi elaborado coas imaxes que, a través dun certame municipal, foron achegados veciños e veciñas. O único requisito era ofrecer fotografías de rincóns e paraxes de Valdoviño comparables con outros lugares do mundo. Un fío argumental xa iniciado o pasado ano.
 
Así as cousas, tamén na tarde do domingo, a partir das 20 horas e dentro da programación cultural municipal, o auditorio albergará o espectáculo «O Rueiro das Liortas», da compañía Elefante Elegante. A entrada é libre e de balde ata completar aforo e está dirixido a un público de oito anos en adiante.
 
"O Rueiro das liortas" é unha comedia inspirada no teatro popular que afonda nas relacións de parella e nas dificuldades para manter vivo o amor fronte ó tempo, á rutina e ós obstáculos da vida. O dinamismo dos elementos escenográficos permite representar diferentes espazos. Xuntamente co texto, a xestualidade e a música en directo, forman os ingredientes desta comedia iniciática. En escena están un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes, acompañados dun neno actor e dunha nena actriz que fan valer a súa propia verdade interpretativa. O espectáculo, que orbita arredor do empoderamento femenino, dá a visión dunha realidade onde falar dos outros e meterse na súa vida é máis cómodo e divertido do que ollar para un mesmo.