Ruta pola costa de Valdoviño para afondar na traxectoria e teses da científica Ángeles Alvariño

O ciclo de andainas «Monumenta divulga» que impulsa a Consellería de Cultura chega a Valdoviño. No municipio está programada a andaina «O oceáno dende a costa de Ángeles Alvariño». Será o 12 de agosto, a partir das 11 horas, con punto de partida na praia dos Botes, na costa do Portiño de Meirás. Un percorrido polas penínsulas do Portiño e A Frouxeira con visita ás inmediacións do faro, á punta que leva o mesmo nome e á costa que mira cara ao extenso areal de Valdoviño, que será a última parada. Unha experiencia diferente de vivir e sentir o patrimonio que contará con Juan López Bedoya, xeógrafo físico e divulgador científico, e Julio Gómez, coordinador de Monumenta, como camiñantes convidados. As prazas están limitadas a 75 e as persoas interesadas en apuntarse deben facelo do 6 ó 10 de agosto na web http://monumentagalicia.com. A admisión será por orde de inscrición e para obter máis información habilitouse o enderezo info@sinsalaudio.org e o teléfono 619 637 211.
 
A ruta toma o nome de Ángeles Alvariño (1916-2005), serantega e ferrolá, que loitou contra as dificultades de ser científica e muller para converterse nunha das oceanógrafas máis brillantes do país e acadar, desde a súa diáspora norteamericana, unha repercusión internacional sen precedentes. Na súa prolífica investigación, que comezou en España e proseguiu en Gran Bretaña e Estados Unidos, destacou o estudo do zooplancto e a súa importancia como indicador nos ecosistemas mariños e os caracteres oceanográficos asociados.
 
A interpretación dos océanos desde a costa de Valdoviño servirá para bosquexar a vida e a obra da oceanógrafa máis importante que deu Galicia. Malia que Ángeles Alvariño desenvolveu a súa investigación no océano, nesta viaxe interpretarase o medio mariño desde o continente centrándose na interacción e na súa importancia. A biodiversidade, a relación entre a atmosfera, o océano e as actividades diarias, o patrimonio material e inmaterial derivado e a explicación da formación da orixinal paisaxe deste sector da costa galega acompañarán as notas que, sobre a vida e a obra de Ángeles Vilariño, permitirán entender o valor do seu labor científico e o seu afán de superación persoal.
 
Ambientación musical
Esta andaina, baixo o faro de Valdoviño, contará coa ambientación musical de Ariel Ninas e Anxo Faraldo. Prepararán unha peza a medio camiño entre instalación e concerto, para o que aproveitarán a peculiaridade da sonoridade e a memoria deste lugar.