Valdoviño celebra este sábado a súa II Xuntanza de Palilleiras

Un total de 350 palilleiras confirmaron a súa asistencia á segunda edición da Xuntanza de Palilleiras e Multilabores do Concello de Valdoviño. Celebrarase este sábado, 9 de xuño, no pavillón do CPI Atios de Valdoviño, organizada pola Asociación Mulleres do Rural María del Mar Becerra coa colaboración do Concello de Valdoviño. Unha oportunidade única para achegarse a este traballo artesanal e, tamén, dar a coñecer o municipio. E é que as palilleiras que asistirán proceden dun bo número de localidades de toda Galicia e tamén de Asturias e Castela.
 
Nesta liña, Asociación e Concello de Valdoviño anunciaron que, como o ano pasado, porán a disposición do público da Xuntanza autocares para dar a coñecer o municipio. Así, inicialmente están previstas dúas viaxes, que se poderían ampliar a tres, cun percorrido que discurrirá pola praia de Pantín, a praia e lagoa da Frouxeira e Punta Frouxeira.
 
Centrándose na Xuntanza, inaugurarase xa ás 10 horas coa recepción ás persoas participantes e apertura do recinto ao público. Será o alcalde, Alberto González, o encargado de dar a benvida ó público e, a partir de entón, darán comezo as demostracións en directo. Como actividades complementarias pola mañá, haberá exhibicións de bailes de salón a cargo de formacións do municipio.
 
Tras o parón para o xantar, a xuntanza retomarase sobre as 16 horas. Para aqueles que mercasen a correspondente rifa, celebrarase o sorteo de agasallos cedidos polos comercios e establecementos do municipio, así como polos postos de venda de artesanía que acudirán á cita. A día de hoxe, uns 35 confirmados. Ademais, o grupo local Los Nostálgicos amenizarán a tarde cun repertorio protagonizado polos boleros de toda a vida. E, sobre as 19 horas, terá lugar a clausura a cargo da concelleira de Cultura, Rosana García.