Valdoviño únese na búsqueda dunha cura para o Neuroblastoma como mellor tributo ó pequeno Brais

Nin a súa enorme vitalidade nin o seu sorriso permanente fronte ó día a día, por moi duro que fose, nin todo o amor dos seus pais e a loita permanente da súa familia impediu que Brais, con tan só seis anos, se despedise o 24 de novembro de 2017. O neuroblastoma, un cancro infantil pouco coñecido e a día de hoxe sen cura, poñía fin a dous anos de esperanza. Os seus pais nunca se rendiron nin deron espazo ó desánimo e hoxe, seis meses despois, continúan a súa loita. Unha loita a favor dunha cura que chegue a tempo para outros nenos e nenas como Brais, que evite sufrimentos e trunque un destino que merecen por lei. Unha loita na que hoxe participan deceas de familiares, amigos e coñecidos e na que queren implicar a todo o mundo. Por iso, o próximo 17 de xuño organizan en Valdoviño, o municipio de Brais, a I Andaina Solidaria contra o Neuroblastoma. Xunto a eles, está tamén o Concello porque, como sinala o seu alcalde, Alberto González, todos queremos a Brais e todos compartimos a loita da súa familia.
 
Coa andaina, a organización, que lideran Berta e Chechu, os pais de Brais, e na que participan activamente Mari, Yoli, Lorena, Sandra, Sira, Silvia, Montse, Miriam e Paula, entre moitos outros, queren recadar fondos para a investigación desta doenza. Sen dúbida, o mellor tributo e homenaxe para o pequeno Brais. Por iso, animan a toda a veciñanza a sumarse á marcha, de tres quilómetros, e que cubrirá a distancia entre o CPI Atios, onde estudou 5º de Educación Infantil Brais, e a Casa do Concello. A saída está prevista para as 10 horas dese 17 de xuño.
 
Pero, como colaborar coa iniciativa? Inscribíndose na plataforma www.ranckr.com e aportando cinco euros no caso das persoas adultas e dous no dos menores de 12 anos. Dende que comezou o ano, ese comité organizador leva traballando duramente para implicar á veciñanza, non só de Valdoviño senón de toda a comarca, sacrificando horas e aportando toda a ilusión do mundo. Así, teñen percorrido feiras e mercados para anunciar a iniciativa e sumar adhesións, logrando ata o momento uns 500 inscritos.
 
A recadación xa ten destino: o proxecto de investigación da doutora Rosa Noguera en Incliva, Instituto de Investigación Sanitaria, denominado “Espazo intercelular: bioimaxe microscópica. Búsqueda de dianas terapéuticas en neuroblastoma”. Un proxecto que abre a porta da esperanza para moitos nenos e nenas que, como Brais, merecen continuar poñéndolle un sorriso á vida.