Xornada informativa este xoves en Valdoviño sobre as axudas públicas para emprendedores e pequenas empresas

O Concello de Valdoviño organiza mañá xoves unha xornada informativa dirixida a emprendedores e pequenas e medianas empresas sobre as liñas de axudas públicas convocadas na actualidade para favorecer a posta en marcha de novos proxectos empresariais e a xeración de emprego. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, invita á veciñanza a tomar parte na iniciativa, que principiará ás 19,30 horas no auditorio da Casa da Cultura con entrada libre.
 
A ponencia correrá por conta de Jacobo Suárez, da consultora Avanza.gal, e nela avanzará as liñas mestras das diferentes convocatorias de subvencións e ventaxas que pon en marcha a Deputación provincial da Coruña, Xunta de Galicia e Goberno central, con especial incidencia naquelas financiadas con fondos europeos. Amais, abrirase unha ronda de preguntas e Suárez tentará dar resposta ás dúbidas dos asistentes.
 
O rexidor destacou que con esta iniciativa o Concello quere fomentar o emprego no municipio, informando a todos os posibles emprendedores e pequenos e medianos empresarios das axudas que teñen á súa disposición para facilitarlles as cousas.