O Concello realizará obras de mellora nos locais sociais de Aviño e Loira cunha achega de Deputación

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación das obras de mellora dos locais sociais de Aviño e Loira. Estas obras, incluídas no Plan Único (POS+ 2017), contan cun orzamento de 75.000 euros, e servirán para mellorar ambos os dous centros, e para ofrecer un mellor servizo aos numerosos veciños que os usan para a realización de actividades. Toda a información sobre a licitación está dispoñible no Perfil de contratante (Dotación e mellora en locais de usos múltiples en aviño e Loira).
 
O local social de Aviño, cunha superficie útil de 135 m2, data de 1930 e foi reformado nos anos 80. Actualmente é usado como centro social, pero o edificio conta cunha serie de danos e desperfectos, polo que é necesario levar a cabo obras de reforma que permitan un adecuado desenvolvemento das actividades que acollen as instalacións.
 
Os traballos programados supoñen unha reforma integral do inmoble e inclúen a substitución das xanelas por outras de aluminio con doble vidro e aillamento térmico, reparación da cuberta, dotación de revestimento antideslizante nos peldaños da escaleira, colocación de novo chan de gres e falsos teitos, construción de novos aseos na planta baixa (un deles adaptado para persoas son mobilidade reducida), dotación de sistema de calefacción e mellora da instalación eléctrica e de fontanería.
 
Centro social de Loira
 
No centro de usos múltiples de Loira, que conta nas súas inmediacións cun parque infantil, unha pista polideportiva e o cemiterio da parroquia, as obras consistirán fundamentalmente na dotación de novos aseos accesibles.
 
Para elo construirase un bloque de madeira tratada en autoclave con dous aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida que ocuparán un espazo total de 9 metros cadrados.