Chelsea Tuach e Thiago Camarao gañan o Pantín Classic

O Pantín Classic 2015 rematou co trunfo de Chelsea Tuach e Thiago Camarao, logo dunha intensa semana de surf e multitude de actividades paralelas.
 
Na competición feminina a victoria foi para a surfista de Barbados, que venceu na final a Leticia Canales. Pauline Ado acadou o título europeo grazas ao seu quinto posto en Pantín.
 
O domingo disputáronse as últimas rondas na categoría masculina, cun duelo final brasileiro que gañou Thiago Camarao ante Deivid Silva. Nos prolegómenos da final gardouse un minuto de silencio polos falecidos no accidente do Rali da Coruña.
 
Malia que este ano as ondas non foron todo o boas que adoitan ser na praia de Pantín, a competición desenvolveuse con normalidade e mesmo celebrouse unha expression session, gañada por Pedro Henrique.
 
Na web oficial da proba están dispoñibles as crónicas da competición e unha ampla galería audiovisual.