II Itinerario Literario este sábado con paradas en Valdoviño, Lago, Sequeiro e Meirás

O Concello de Valdoviño organiza este sábado 18 de maio o segundo Itinerario Literario por Valdoviño, no que as persoas participantes percorrerán as parroquias de Valdoviño, Lago, Sequeiro e Meirás facendo unha parada nelas para ler unha breve lembranza a modo de recoñecemento dalgún/a autor-a literario que estea ligado directamente co territorio. Neste caso, Evangelina Hermida (Valdoviño), Pepe Leira (Lago), Medos Romero (Sequeiro) e Rosa Aneiros (Meirás).
 
Esta iniciativa, celebrada por primeira vez o pasado mes, inclúese nos actos organizados polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas. O itinerario partirá ás 17 horas da Casa do Concello e a ruta realizarase en autocar. Culminará coa actuación do cantautor Roger de Flor, cun repertorio de cancións en galego. Será en San Bartolo, no adro en caso de que o tempo acompañe, ou no interior do templo en caso de choiva.