Arrancan os talleres gratuítos de musicoterapia para maiores nas parroquias

O Concello de Valdoviño inauguraba onte os talleres de musicoterapia gratuítos para persoas maiores do municipio. Un proxecto impulsado pola Concellería de Servizos Sociais que arrancaba nos locais sociais de Meirás, Vilaboa (antiga escola unitaria) e Pantín e que hoxe se celebrará no de Sequeiro (tamén antiga unitaria). Así, a partir desta semana as sesións celebraranse cunha periodicidade semanal e por espazo de hora e media.
 
Os talleres están guiados por AFAL –Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ferrol e comarca- e con eles búscase, a través da música, os sons e as vibracións, mellorar a comunicación, a aprendizaxe, a memoria, a motricidade e a expresión dunha forma completamente lúdica.
 
Así mesmo, coa súa celebración nas diferentes parroquias, o Concello de Valdoviño dá cumprimento á intención anunciada durante o pasado curso, cando decidía descentralizar as actividades para as persoas maiores. Buscaba así facilitar a participación da veciñanza con independencia da súa proximidade ó centro urbano, evitando que os traslados supuxeran un obstáculo. Iso si, as actividades están abertas ós veciños e veciñas de todas as parroquias.
 
A boa aceptación da iniciativa constátase na participación, xa que 19 veciños e veciñas acuden ós talleres en Sequeiro ; 6 en Meirás ; 12 están anotados en Vilaboa e 15 en Pantín.
 
Aínda así, queda algunha praza libre, co que as persoas interesadas en tomar parte aínda teñen a oportunidade de anotarse no departamento municipal de Servizos Sociais, de forma presencial –pranta baixa do consistorio- ou chamando ó teléfono 981 48 70 41 ext.5.