Valdoviño aproba o convenio con Narón para facilitar o servizo de saneamento ás vivendas situadas nos seus límites territoriais

Facilitar o servizo de saneamento ás vivendas emprazadas nos límites entre Narón e Valdoviño é o obxectivo do convenio que asinarán nos próximos días ambos concellos. Seguindo os pasos dados por Narón, o pleno do Concello de Valdoviño aprobaba o pasado xoves, coa unanimidade de todos os grupos, un acordo de colaboración polo que a compañía mixta de augas naronesa –Cosma- asumirá a prestación do servizo de depuración das augas fecais dos inmobles situados en Valdoviño máis próximos a Narón. Unha iniciativa que beneficiará directamente a aquelas vivendas hoxe sen servizo situadas máis próximas aos colectores de saneamento e abastecemento de Narón. Será a través de acometidas ou ampliacións da rede.
 
Así, Valdoviño dará conta a Narón da relación de casas potencialmente beneficiarias da medida e daqueles veciños e veciñas que soliciten o servizo, que deberán abonar o custe a Cosma.
 
Deste xeito, Alberto González valorou moi positivamente este paso, xa que “permitirá sen dúbida impulsar servizos en beneficio da veciñanza de ambos concellos, reducindo os custes das obras”. Para Valdoviño é unha prioridade o traballo conxunto, e nesta liña comprometeu todos os seus esforzos.