Arranca o curso de xestión do estrés e riscos psicosociais no servizo de axuda a domicilio

O salón de plenos do Concello de Valdoviño acolle dende hoxe e ata este xoves o curso de Xestión do Estrés e Riscos Psicosociais no Servizo de Axuda a Domicilio dirixido a persoas traballadoras no sector, aínda que aberto a todo o mundo interesado no tema. Dez mulleres toman parte na iniciativa organizada pola Concellería de Servizos Sociais e esta tarde o alcalde, Alberto González, dáballes a benvida, agradecíalles a súa asistencia e confiaba en que a acción formativa fose de utilidade.
 
A acción formativa está estruturada en dous módulos e, entre os contidos, abordaranse os compoñentes e reaccións ante o estrés; técnicas de control fisiolóxico e mental ante a resposta de ansiedade ou manexo de persoas con discapacidades cognitivas e trastornos psíquicos. Así mesmo, haberá unha parte práctica con simulacións de casos reais.