O Concello de Valdoviño convida a rapaces e rapazas a crear coa artista NANA un mural urbano sobre o surf no paseo da Frouxeira

A ilustradora, educadora artística e artista mural NANA impartirá en Valdoviño un obradoiro de graffiti para rapaces e rapazas a partir de 12 anos. Será os días 3 e 4 de xaneiro e a actividade inclúese nos actos do aniversario do Océano Surf Museo, polo que a temática da obra colectiva que se pretende crear ó abeiro da iniciativa estará vinculada ó surf. Segundo explicou a concelleira de Cultura, Rosana García, o escenario elixido polo Concello para elaborar ese mural urbano será o inmoble que alberga os aseos do paseo da Frouxeira. Unhas instalacións que, recurrentemente, son obxecto de pintadas e que agora preténdese que pasen a ser un escaparate do talento creativo dos rapaces e rapazas que desexen sumarse á iniciativa.
 
Para participar, hai que inscribirse na Casa da Cultura, dende xa e ata o vindeiro 30 de decembro. Hai 15 prazas e cubriranse por orde de inscrición. A actividade, gratuíta, está prevista inicialmente para os días 3 e 4 de xaneiro de 10 a 14 e de 15 a 19 horas, aínda que se as condicións climatolóxicas fosen adversas trasladaríase para os días 12 e 13 de xaneiro.
 
NANA, técnica en xoeiría artística e en ilustración, iníciase en 2006 no graffiti e o arte urbano, realizando intervencións na rúa e espazos abandoados. A partir da súa experiencia no espazo público decide realizar os seus estudos de ilustración na EASD Pablo Picasso, onde recibe unha bolsa Leonardo Da Vinci para estudar en Londres, desenvolvendo alí o seu traballo en ilustración publicitaria.
 
Hoxe en día acumula unha extensa traxectoria en festivais de arte urbano, eventos e exhibicións tales como o Desordes Creativas, Mad Poster Art, San Fest, Derrubando Muros con Pintura, Violencia Zero, Elas Tamén Pintan, Vigo Ciudad de Color o Loures Arte Pública onde realiza numerosos murais de gran formato. O seu estilo colorista e orgánico fai que a súa obra cunha mensaxe claramente feminista sexa persoal e inconfundible.