O Pantín Classic gañou a pulso o seu segundo nome, a fábrica de ondas.
Pantín Classic, o
campionato de surf máis antigo de España.
Pantín, unha auténtica casa para quen o surf é máis que un deporte, unha forma de vida. É un lugar de peregrinación para quen goza co seu espectáculo. Coa natureza. Para quen busca liberdade. Pantín é surf. Aquí nacen as ondas máis grandes, as de maior percorrido, tanto con marea alta como con marea baixa. E o mellor é que en Pantín podes coller a táboa durante todo o ano. Enfrontar o teu corpo e a túa mente a unha batalla contra a natureza na que vos atopades só ti e a onda que está por chegar. Na que tentas dominala, pero acabas fundíndote con ela.
O Pantín Classic atrae cada ano a centos de miles de surfeiros.
Pantín gañou a pulso o seu segundo nome, a fábrica de ondas. E é que nunca fallan. Durante millóns de anos, costa, praia e climatoloxía aliáronse para regalarnos este pequeno paraíso na terra. E, dende fai apenas tres décadas, comezou a descubrirse ao mundo co Pantín Classic.
O Pantín Classic que, dende 1988, se celebra entre finais de agosto e a primeira semana de setembro neste areal de Valdoviño. Naceu a iniciativa dun grupo de amantes do surf nunha época na que non só non estaba de moda senón que era un gran descoñecido en Galicia e no resto de España. Na que, salvando Francia, California, Australia ou Hawái, apenas se practicaba. Eses visionarios crearon o Océano Surf Club, o primeiro club de Galicia, e con máis ilusión, empeño e traballo que outra cousa, organizaron o Pantín Classic.
Cos anos converteuse nunha proba clásica.
Co paso dos anos, fixo bo o seu apelido e converteuse nunha proba clásica. Apenas uns anos despois do seu nacemento, albergaba o Campionato de Europa e, tras isto, o circuíto mundial, en 1993. No 2009, as cifras de fieis ao Pantín superaban os 25.000. No 2010 convertíase, xunto a Azores, na única praia de Europa onde se celebraban simultaneamente as probas masculina e feminina WQS 6 estrelas.
A festa do Surf.
A convivencia e a ecoloxía, cita declarada de interese turístico de Galicia. Así é hoxe en día o Pantín Classic, sumando actividades e actividades ao seu programa. Un programa que completa o verdadeiro espectáculo, o que se disputa sobre as ondas e que, grazas á propia configuración da praia, poden observar nunha bancada natural os seguidores e seguidoras.
A fábrica de ondas.
Hoxe en día, Pantín xa é surf. A fábrica de ondas. Ao redor dela creáronse escolas e aloxamentos. E podemos dicir con orgullo que contamos coa primeira escola de surf de España con distintivo Q de Calidade Turística.