O Concello súmase ao convenio sobre desafiuzamentos

O Concello de Valdoviño decidiu sumarse ao convenio de colaboración acordado entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e o Consello Xeral do Poder Xudicial para a detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do desafiuzamento de vivenda familiar e medidas de carácter social. Os trámites establecidos neste acordo para a atención a casos de desafiuzamentos serán levados a cabo dende a Concellería de Benestar Social.

Este convenio ten como obxectivo establecer un protocolo para actuar de forma preventiva en casos de desafiuzamentos. En virtude deste acordo, os xuíces alertarán dos casos de desafiuzamentos aos servizos sociais dos concellos, que poderán realizar unha valoración provisional da situación de cada familia e daranlle información. De forma complementaria, o Servizo de Coordinación de Servizos Sociais Comunitarios da Consellería de Traballo e Benestar estudará posibles solucións, ben a través dos programas de inclusión social ou menores, ben analizando co Instituto Galego de Vivenda e Solo a aplicación dun programa de realoxo dos afectados.