Valdoviño contará cun feirón mensual

O Concello de Valdoviño está preparando os últimos detalles para poñer en marcha un feirón mensual no centro da localidade.
 
A intención do goberno municipal é empezar coa celebración do mesmo o segundo sábado de cada mes, comenzando o vindeiro día 8 de xuño, coa intención de dinamizar a economía local e axudar nestes momentos tan complicados aos empresarios e emprendedores de Valdoviño.
 
O Concello aposta decididamente polo comercio local e polos empresarios e a pequena e mediana empresa para, entre todos, superar o bache económico no que nos atopamos. Por iso, o grupo de goberno amosa todo o seu apoio aos emprendedores locais que actualmente están formando a Asociación de Empresarios, poñéndose á súa disposición no que lles sexa de utilidade.
 
No feirón mensual, que terá lugar nas inmediacións da Porta do Sol, haberá un amplo abano de postos que van dende a confección, encaixes, calzado, pulpo, cestos ou ferramentas, entre outros.
 
O goberno municipal, dende a concellaría de Promoción Económica entende que esta é unha boa iniciativa para que aumente a afluencia de visitantes a Valdoviño e para que a nosa poboación poida disfrutar e mercar no feirón.
 
Asímesmo convida a todos os veciños de Valdoviño que planten as súas terras ou teñan productos que eles mesmos cultiven ou elaboren a vendelos neste feirón mensual.
 
Procuraremos especializar cada mes nun feirón determinado do que iremos informando paulatinamente.