Galizamushing, rumbo ao Campionato de Europa

O actual subcampión de Europa de mushing sobre terra, o valdoviñés Roberto Lorenzo, partirá este luns 29 cara á localidade alemana de Christianslust, moi preto de Dinamarca, onde participará no Campionato de Europa de mushing como compoñente do equipo español na categoria 8R (oito cans).
 
O equipo Galizamushing terá que percorrer 3.000 kilómetros para loitar, entre os días 2 e 4 de novembro, contra equipos que triplican o seu presuposto, o que unido as complexas condicións de preparación deste ano, fai que Lorenzo sexa realista e sinale que "nos será moi difícil manternos entre os cinco primeiros postos. Ssabemos que os equipos do norte de Europa irán tres ou catro km/h de media máis rápidos que nós. Pero, se algo ten este equipo, é a capacidade para medrar ante as adversidades. Esta é unha lección que xa temos moi aprendida, pois sempre tivemos o vento en contra. A pesar de todo, aqueles que queden por diante nosa van a ter que gañalo, pois non temos por costume regalar nada e loitaremos todo o que poidamos".
 
Os problemas económicos, a falta de axudas e o feito de que a propia Federación Española de Deportes de Inverno non faga ningunha aportación económica limitan a actuación do equipo, tanto á hora de encarar a viaxe como de preparar os cans. Para abaratar custos o equipo vai co peso xusto, os oito cans titulares e sen cans de reserva. Explica o musher de Vilaboa que "todo peso suma gasto de gasoil. No caso de ter que retirar algún can non teremos reposto, pero temos e nos vemos obrigados a asumir ese risco, como o de que nos falle o material, pois se encontra nun estado de desgaste importante e non podemos substituílo".
 
Ante esta situación o equipo Galizamushing estivo valorando durante días se participar no campionato ou non, decidindo finalmente loitar por acadar o mellor resultado posible e así respostar ante "todos os que confían neste equipo e aqueles que nos apoian co que boamente poden (Concello de Valdoviño, Clínica Veterinaria Narón, Grupo San Roquiño, Tomimobile, Muebles Valdoviño). Faremos este esforzo porque eles tamén o fan por nós".
 
Preparación desfavorable
A preparación do equipo para este Europeo estivo moi condicionada con respecto a anteriores participacións, debido a varios factores: "As altas temperaturas que tivemos nos últimos meses, a falta de tempo para o entreno polo feito de que o campionato se adiantara dúas semanas con respecto ás datas nas que soe ser convocado e, por último, ter entrenado (por problemas económicos) nun camiño de moi pouca distancia, que nos obrigaba a facer varias pasadas nos dous sentidos, o que provoca a desmotivación dos cans".
 
Malia tódalas dificultades, dende o seu concello estaremos con Roberto e o equipo Galizamushing. Moita sorte en Christianslust!