Faro da Frouxeira

O faro de Punta Frouxeira presenta un deseño vangardista que non deixa indiferente. Construído en 1992, comezou a funcionar dous anos máis tarde, cun alcance que vai dende as 15 ás 23 millas.
 
O faro ten unha óptica xiratoria de sete paneis, cinco deles de lentes Fresnel de metacrilato para dar os lampexos e dous cegos para dar a ocultación longa, todo montado sobre un disco accionado por dous motores electromagnéticos. No seu interior atópase un cambiador en V con lámpadas halóxenas de 200V/1.000W. Leva tamén dous grupos electróxenos como reserva ante un eventual fallo no subministro eléctrico.
 
En 2007 realizáronse unhas reformas consistentes na eliminación da fachada acristalada, o peche dos espazos destinados ás escaleiras, deixando só fiestras en cada altura, e o reforzo dos piares.
 
A visita permite gozar dunha panorámica única, coa praia e a Lagoa da Frouxeira ao nordés e os cantís do Porto, coa ermida do mesmo nome, e Meirás ao sudoeste.