Aberto o prazo de preinscrición na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia

O Concello abriu este 14 de maio o prazo de preinscrición na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. O alcalde, Alberto González, apuntou que as instalacións contan con 20 prazas para nenos e nenas de 4 meses a 3 anos e que as familias interesadas en dispor do servizo deben presentar a súa solicitude e documentación antes do día 30 de maio no Rexistro Xeral –primeira pranta da casa consistorial-. Tamén se poden dirixir por teléfono a Servizos Sociais (981 48 70 41 extensión 5) para solventar dúbidas. Os interesados deben cubrir a folla de preinscrición que se atopa ao pe desta noticia.
 
En menos de 3 anos, sinala o alcalde, a Aula da Natureza tense convertido nunha ferramenta clave para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño. As instalacións están ubicadas nun entorno único como é a zona da praia e lagoa da Frouxeira e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e cociña. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo e unha pequena horta. 
 
O seu funcionamento é de 8 a 16 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario de 9 a 13 horas (pode aumentarse con horas soltas). Proporcionaráselles almorzo e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo.