O Concello solicita a colaboración cidadá para alertar de situacións de persoas que vivan soas e poidan precisar axuda social

Coñeces a algunha persoa que viva soa e poida precisar algún tipo de apoio social neste momento? Esta é a pregunta que lanza á veciñanza o Concello de Valdoviño para, xuntos, lograr achegar esa axuda a todos e todas as veciñas que o precisen. Se a resposta é positiva, e apelando á colaboración cidadá, o departamento municipal de Servizos Sociais pon á súa disposición dúas liñas telefónicas específicas para comunicalo: 981 487 041 (extensión 5) ou 618 691 091.
 
A partir de aí, persoal técnico de Servizos Sociais tentará contactar coa persoa, avaliarán a situación, e tentarán facilitarlle os servizos cos que conta o Concello: reparto de alimentos e menciñas a domicilio, servizo de apoio a persoas afectadas de alzheimer e outras demencias e ás súas familias, servizo de apoio psicolóxico, axudas de emerxencia social, servizo de axuda a domicilio, xantar na casa…