Valdoviño celebra este sábado o seu XX Festival de Comparsas de Entroido

Valdoviño despedirá este sábado o Entroido co seu tradicional Festival de Comparsas. Un certame que este ano acada as 20 edicións. No mesmo, confirmaron a súa asistencia nove comparsas de diferentes localidades da comarca e, en suma, tomarán parte nesta categoría e máis na de outros, preto de 340 persoas. A cita dará comezo ás 17,30 horas nas inmediacións da Casa do Concello. Dende este punto partirá o pasarrúas con destino ata a Casa da Cultura, onde se desenvolverá o festival a partir das 18 horas, conducido polo cómico galego Pedro Brandariz.
 
Alí, e por este orde, interpretarán os seus temas máis humorísticos as seguintes comparsas: Os Colludos (Narón); Os Parrandolos (Narón);  A Canteira (Neda);  Tróupele, Tróupele (Narón); Colexio Rural Agrupado (Valdoviño); Os Trastos (Valdoviño); Os Faranduleiros (Valdoviño); Semente Trasancos (Narón), e Os Chorlitejos (Valdoviño). A orde de actuación na categoría Outros é a seguinte: disfraces «O granxeiro e a cabaza falcatrueira»; disfraces «Carapuchiña Vermella» e disfraces «Valdoviño encantado».  
 
Cada comparsa interpretará ante o público un máximo de dúas cancións ou parodias ou ben, unha parodia e unha canción. Así mesmo, polo menos unha delas estará escrita e interpretada en lingua galega e unha delas xirará en torno a Valdoviño. 
 
O xurado estará integrado por un representante de cada unha das comparsas, que poderá votar a todas menos a aquela que representa. En todo caso, terán en conta a orixinalidade e vistosidade do disfrace, a posta en escena, as letras das cancións ou parodias, a simpatía e a animación de rúa que realice o grupo participante.
 
O Festival de Comparsas repartirá 3.450 euros. En axudas á participación, 3.000 euros, dos que 300 euros/máximo por comparsa; 300 euros en axudas ao concurso nun vale canxeable no comercio e hostalería local, e 150 euros (en tres vales de 50 euros para comercio e hostalería locais) na categoría outros.