O traballo de Valentina Pena Bustabad, unha gran artista de 4 anos, elixido no certame da mascota 2020 do Museo do Surf

O traballo presentado por Valentina Pena Bustabad, estudante de 5º curso de Educación Infantil no CPI Atios de Valdoviño, resultou o gañador do certame convocado polo Océano Surf Museo para elixir a súa mascota para este ano. Pequena en idade, xa que tan só ten 4 anos, pero grandísima en talento artístico, Valentina creou unha fermosa balea como imaxe do museo.
 
A súa forma tan persoal, que nos achega a unha táboa de surf, foi determinante para o xurado á hora de adoptar a súa decisión. Este valorou moito a creatividade de Valentina para reflectir este animal mariño, cheo de vitalidade, con trazo firme e seguro, así como a súa fantástica imaxinación para aplicar alegría a través das cores nun ser que, a priori, pode parecer grisáceo.
 
Dende o Concello, o alcalde, Alberto González, quere felicitar á artista local e poñer en valor o seu extraordinario traballo.