O Concello licita o subministro de casetas de socorrismo e aseos portátiles para as praias de Valdoviño

O Concello de Valdoviño vén de sacar a licitación o contrato para o subministro e instalación de casetas para dar servizo aos socorristas e máis aseos portátiles. Emprazaranse naquelas praias do municipio que non dispoñen destas infraestruturas e, segundo explicou o alcalde, Alberto González, con esta iniciativa o Concello evitará cada verán o correspondente desembolso polo aluguer destas instalacións, estimado nuns 10.000 euros anuais. O contrato está en fase de licitación, por un importe de 84.700 euros, e o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 3 de febreiro. A iniciativa finánciase cunha achega da Deputación provincial da Coruña e máis fondos municipais.
 
En concreto, o Concello prevé a adquisición de tres aseos e de 4 instalacións de socorrismo. Nos dous casos, nunha estética unificada e cunha estrutura metálica e en madeira tratada, material respectuoso e acordo coa contorna natural. As unidades solicitadas serán portátiles, de tal xeito que poderán ser trasladadas e reubicadas en función da demanda de cada momento. Os aseos serán adaptados para persoas con diversidade funcional.