O Concello acondiciona os camiños de Muíño, en Lago, e Riobó, en Meirás

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá do remate das obras de acondicionamento dos camiños de Muíño, na parroquia de Lago, e máis de Riobó, na de Meirás. Intervencións financiadas con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020 de Agader. A achega, que o Concello percibirá en dúas anualidades, permitirá o financiamento do 98,83% das intervencións. Así mesmo, o investimento destas actuacións, xunto con outras dúas obras de mellora nos camiños da Espiñuda (Aviño) e Cumiños (Meirás), elévase ata os 41.500 euros.
 
O concelleiro de Obras, Alejandro García, explicou que a empresa adxudicataria foi Agada Occidente S.L. e as intervencións realizadas contemplaron a limpeza de cunetas, rebacheos, aplicación dunha capa de zahorra, asfaltado e sinalización. Nos dous casos, os últimos traballos realizáronse hai máis de 15 anos, co que os viais atopábanse en avanzado estado de deterioro e precisaban por tanto destas actuacións. No camiño de Muíño actuouse ao longo de algo máis dun quilómetro e, no caso de Riobó, nun treito de 488 metros.
 
Nas próximas semanas os traballos continuarán no camiño da Espiñuda e no de Cumiños.