Teatro infantil musical o domingo en Valdoviño coa obra “Un lugar chamado mundo”

VerdeVerás Expresións Artísticas trae este domingo a Valdoviño o seu espectáculo «Un lugar chamado mundo». A función, organizada polo Concello co apoio da Deputación a través da Rede Cultural, dará comezo ás 18 horas con entrada libre e de balde ata completar aforo e está dirixida a un público familiar.
 
«Un lugar chamado mundo» é unha obra de teatro infantil musical que recupera a regueifa como parte do patrimonio tradicional galego, traballa sobre o xénero, a multiculturalidade, as diversas visións do mundo e o coidado do medioambiente.
 
Sobre VerdeVerás
 
A compañía está integrada por María Angeles Iglesias (actriz-dramaturga) e Tato López (músico). O ano 2011 atopounos en Santiago de Compostela con moitas ganas de crear e decidiron dar forma a VerdeVerás Expresións Artísticas.
 
Cren na arte como ferramenta para ver (como dicía Galeano) con todos os sentidos (agréganos eles) e por iso embarcáronse xuntos no oficio de facer Teatro tendendo a man a outras linguaxes artísticas como á música, á danza e as artes plásticas.