Concerto de Old Viena este domingo en Valdoviño tendendo pontes musicais entre Europa do Leste e Galicia

O grupo Old Viena actuará este domingo 17 de novembro en Valdoviño, presentando o seu concerto «Pontes Musicais: Europa do Leste-Galicia». Será no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 19 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo. A actuación, organizada polo Concello de Valdoviño, conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural.
 
Old Viena fundouse nos anos 90 do século pasado en Chisinau, Moldavia. A súa primeira formación estaba integrada por músicos de Europa do Leste na súa totalidade e, entre os anos 1996 e 2001, o grupo ofreceu numerosos concertos en Italia, Alemania, Francia e Rumanía con gran éxito ao fusionar estilos e culturas diferentes, resultando unha mistura musical moi atractiva para o público. Actualmente o grupo, totalmente renovado, ofrece un programa coidadosamente seleccionado, que inclúe pezas de música folclórica, jazz, clásica, retro, arias de ópera, valses e polkas, música de películas e tangos, conservando as tradicións e a esencia dos xéneros musicais.
 
Integran o grupo: Susana Lorenzo Rodríguez (soprano solista); Lilia Chirilov (violín solista); Despina Ionescu (violín, viola); Alexandro Llano Díaz (cello); Rupert Twine (piano, teclados), e Marcel Chirilov (clarinete, EWI).