O Concello de Valdoviño leva ao CPI Atios e CRA O Esquío os “Contos para o Bo Trato”

No marco do programa municipal de igualdade e prevención das violencias machistas «Somos e Contamos» que impulsa o Concello de Valdoviño, as concelleiras de Benestar Social e de Igualdade, Ana Belén Pérez e Pilar Caamaño, informaron da posta en marcha do proxecto «Contos para o bo trato». Lévase a cabo en colaboración do CPI Atios e o CRA O Esquío e celebrarase ao longo desta semana, coa vista posta na conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero, o vindeiro 25 de novembro.
 
Deste xeito, a través dos contos de Lorena Hermida e Jorge Casas trabállase co alumnado de Infantil e Primaria do CRA O Esquío e do CPI Atios os valores relacionados coa diversidade sexual, persoal e a igualdade.
 
Así mesmo, e ao abeiro do mesmo proxecto, levaranse a cabo sesións nas aulas de Secundaria para o establecemento de relacións positivas e igualitarias. Traballo que guiará o Servizo Municipal de Educación e Apoio Familiar co ánimo de sensibilizar ao alumnado dos mecanismos que inflúen no establecemento das relacións sociais e de parella e identificar os elementos sexistas e desigualitarios.