As persoas coidadoras de Valdoviño aprenden a coidarse a través dunha acción formativa impulsada por Concello e AFAL

Un total de 22 veciños e veciñas, maioritariamente mulleres, iniciaron esta tarde en Valdoviño o curso «Coidar ao coidador», que promove o Concello en colaboración con AFAL Ferrolterra. Unha iniciativa completamente gratuíta dirixida ás familias coidadoras de persoas afectadas de alzheimer e/outras demencias que se prolongará ata este venres(as dúas xornadas de 15 a 19 horas).
 
Impartido pola psicóloga da asociación, Teresa López Allegue, busca dotar ás persoas coidadoras de coñecementos, estratexias e habilidades que as axuden a entender a enfermidade de alzheimer e a manexar as situacións que leva o coidado dunha persoa afectada.
 
Hoxe, á primeira sesión, asistían tamén o alcalde, Alberto González; o presidente de AFAL, Francisco Pantín, e as concelleiras de Benestar, Ana Belén Pérez e Pilar Caamaño. E, nas súas intervencións, avanzaban a intención de colaborar para a posta en marcha a curto prazo de talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e/ou outras demencias. Unha iniciativa coa que achegar as terapias que a asociación desenvolve nos seus centros de día emprazados en Ferrol aos veciños e veciñas de Valdoviño para mellorar a súa atención e ofrecer ao mesmo tempo o necesario respiro familiar aos seus coidadores.