As actividades deportivas municipais no CPI Atios arrancarán a próxima semana

O alcalde, Alberto González, xunto ao concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, a técnica municipal Natalia Prieto, o equipo docente e representantes da ANPA Beiramar mantiñan esta tarde na Casa da Cultura unha xuntanza informativa coas familias dos nenos e nenas anotados nas actividades deportivas municipais que se celebrarán este ano no CPI Atios. Na mesma, dábase conta da programación, que arrancará a próxima semana, e buscábase solventar as súas dúbidas.
 
Así mesmo, o alcalde avanzaba que son 84 as inscricións tramitadas ata a data, así como que quedan prazas libres nas actividades, agás en patinaxe artístico. É por isto, que convidaba ás persoas interesadas en apuntarse a algunha das accións previstas. Son as seguintes: ximnasia rítmica (6 prazas vacantes), psicomotricidade (1 vacante), multideporte (11 vacantes e precísase un mínimo para poñea en marcha), karate I (7 vacantes) e II (8 vacantes), piscina (3 vacantes), e patinaxe (8 vacantes).
 
A inscrición debe formalizarse no rexistro xeral de luns a venres de 9 a 14 horas, entregando a ficha de inscrición –dispoñible na web www.concellodevaldovino.com- e fotocopia do DNI do participante ou libro de familia (e volante de empadronamento soamente no caso de que no DNI non poña a dirección de Valdoviño co ánimo de confirmar a residencia no concello).
 
Todas as actividades están dirixidas a nenos e nenas a partir de 4 anos, agás karate –un grupo para nenos e nenas de 3 a 5 anos e outro a partir de 6-; psicomotricidade, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, e multideporte, a partir de 7. O prezo das actividades é de 10 euros ao mes, agás piscina, que ascende a 27 euros –pola necesidade de custear os desprazamentos en autocar a Ferrol-. Como é costume, as actividades levaranse a cabo nas instalacións do CPI.