O prazo para anotarse no curso gratuíto “Coidar ao coidador” remata este venres

O prazo para anotarse no curso « Coidar ao coidador » que promove o Concello de Valdoviño e AFAL Ferrolterra conclúe este venres, 27 de setembro. A acción formativa é completamente gratuíta e está dirixida ás familias coidadoras de persoas afectadas de alzheimer e/outras demencias. Desenvolverase en dúas xornadas, os días 3 e 4 de outubro, no salón de plenos da casa consistorial, en horario de 15 a 19 horas. Así, as persoas interesadas en anotarse deben facelo no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da consistorial ou teléfono 981 48 70 41).
 
Entre os seus obxectivos está dotar ás persoas coidadoras de coñecementos, estratexias e habilidades que as axuden a entender a enfermidade de alzheimer e a manexar as situacións que leva o coidado dunha persoa afectada.
 
Así, o persoal de AFAL abordará nas sesións o envellecemento normal contra o envellecemento patolóxico; o concepto das demencias e os tipos, así como as fases da enfermidade e os síntomas. Tamén os trastornos psicolóxicos do comportamento e a comunicación coa persoa con demencia. Nunha segunda parte, tratarase o coidado da persoa coidadora, abordando os problemas aos que se enfronta, o síndrome do coidador ou aquelas medidasde coidado ao coidador.