A Casa da Cultura acolle este xoves unha xuntanza informativa sobre as actividades municipais deportivas no CPI Atios

O auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este xoves, 26 de setembro, unha reunión informativa sobre as actividades deportivas municipais que se levarán a cabo no curso 2019/2020 no CPI Atios, e que este ano organiza por segundo ano consecutivo o Concello de Valdoviño.
 
Comezará ás 17 horas e nela darase conta do calendario, docentes ou desenvolvemento das actividades, ao tempo que se abrirá unha quenda de preguntas para solventar as dúbidas das familias.
 
As actividades da programación para este curso son as seguintes: ximnasia rítmica, psicomotricidade, multideporte, karate I e II, piscina, patinaxe e patinaxe artística. A inscrición, cuxo prazo conclúe mañá xoves, debe formalizarse no rexistro xeral de luns a venres de 9 a 14 horas, entregando a ficha de inscrición –dispoñible na web www.concellodevaldovino.com- e fotocopia do DNI do participante ou libro de familia (e volante de empadronamento soamente no caso de que no DNI non poña a dirección de Valdoviño co ánimo de confirmar a residencia no concello).
 
Así mesmo, a concesión das prazas farase por orde de inscrición e o curso desenvolverase entre os meses de outubro e maio. No caso de que a demanda de prazas exceda a oferta, terán prioridade, por este orde, os/as alumnos/as dos centros educativos de Valdoviño e residentes en Valdoviño; os/as nenos/as residentes en Valdoviño; os/as alumnos/as dos centros educativos de Valdoviño e residentes fóra de Valdoviño, e os/as nenos/as residentes fóra de Valdoviño. O prezo das actividades é de 10 euros ó mes, agás piscina, que ascende a 27 euros –pola necesidade de custear os desprazamentos en autocar a Ferrol-.