O Concello saca a contratación a mellora dos accesos ás praias de Meirás, construcción dun aparcamento e dun campo de herba artificial

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou esta mañá que o Concello vén de sacar a contratación as obras de construción dun aparcadoiro disuasorio na contorna do campo de fútbol de Meirás nuns terreos cedidos polos veciños da parroquia, así como nos viais municipais; os traballos de reordenación e mellora da accesibilidade ás praias de Punta Frouxeira e a construción dun campo de fútbol de herba artificial anexo ao terreo de xogo actual. Unha ambiciosa intervención orzamentada en 349.948,19 euros que financiarán Concello e Deputación provincial.
 
Alberto González explica que na actualidade os accesos ás praias da zona de Punta Frouxeira colápsanse por mor da presenza continua e constante de vehículos sen organización que, á súa vez, dificultan o uso e desfrute deste espazo natural e da zona de ocio contigua ao campo de fútbol de Meirás.
 
Coas obras en carteira, o alcalde sinala que se busca un triple obxectivo: ordear e mellorar a accesibilidade aos espazos naturais conformados polas praias de Mourillá, Frouxeira e O Portiño, actuando sobre os camiños municipais existentes no entorno do equipamento do campo de fútbol. En segundo lugar, dotar a este entorno dunha zona de aparcamento disuasorio que favoreza o equilibrio e mellor uso da zona, reorganizando o espazo de estacionamento existente nos arredores do campo de Meirás. E, por último, acondicionar o espazo anexo existente como unha zona de ocio para a práctica de actividades e deportes relacionados coa natureza.
 
Trátase deste xeito de facilitar o acceso aos areais e á zona de ocio impedindo a invasión do dominio público marítimo terrestre por parte dos vehículos e organizar o tránsito peatonal.
 
En base a isto, o proxecto municipal contempla a construción de beirarrúas perimetrais de dimensións suficientes para o tránsito de peóns, sen obviar a aqueles con mobilidade reducida. Tamén a pavimentación dos viais, diferenciando a zona de estacionamento, habilitar pasos de peóns a nivel e prazas de estacionamento para persoas con diversidade funcional. Así mesmo, acondicionarase o actual campo da festa como un espazo multiocio para a práctica de actividades ao aire libre. Precisamente, nesta zona situarase unha instalación multideportiva de céspede sintético cunhas dimensións de 94x57 metros e sistema de rego.
 
As obras contan cun prazo de execución de 6 meses e o prazo de presentación das ofertas para optar ao contrato finaliza o 4 de outubro.