Deputación e Concello de Valdoviño analizan o trazado da Senda dos Faros no municipio

Técnicos da Deputación da Coruña reuníronse en Valdoviño co alcalde da localidade, Alberto González, para analizar os detalles do tramo da Senda dos Faros que discorerrá polo municipio. Na xuntanza tamén estiveron presentes o concelleiro de Obras, Alejandro García, e o arquitecto municipal Carlos Abeledo.
 
O encontro enmárcase na rolda de reunións que a Deputación está a levar a cabo cos municipios da provincia que participan no proxecto Sendas dos Faros, no que a institución provincial, coa colaboración económica de fondos FEDER, investirá 5,1 millóns de euros para dotalos de sendas ciclables de conectarán once faros da provincia, entre eles o valdoviñés de Punta Frouxeira, cos seus núcleos de poboación máis cercanos.
 
Os proxectos están actualmente en fase de redacción e o obxectivo destas reunións e analizar e coordinar cos concellos os itinerarios por onde van a pasar as sendas e ver se é necesario realizar pequenas modificacións.
 
No caso de Vadoviño, o itinerario previsto sería un dos máis extensos da zona norte, con 8 quilómetros de lonxitude, fronte aos 3,6 de Cariño e os 1,7 de Moeche.
 
Esta senda conectará co aparcadoiro disuasorio e a pista multideporte de céspede sintético que o Concello de Valdoviño executará no marco do plan de reordenación da zona do campo de fútbol de Meirás, coa que se busca mellorar a accesibilidade ás praias de Mourillá, Frouxeira e O Portiño, actuando tamén nos camiños municipais existentes. Unha intervención que saía a licitación esta semana e que cofinancian Deputación e Concello de Valdoviño cun investimento total de 349.948,19 euros.
 
Case 60 quilómetros de sendas no entorno de 11 faros coruñeses
 
As Sendas dos Faros será un dos proxectos máis importantes do goberno provincial no presente mandato. Ademáis de fomentar unha mobilidade máis sostible e reducir as emisións de CO2, contribuirá a potenciar o valor patrimonial e paisaxístico dos faros da costa coruñesa e a promover o turismo.
 
Os faros obxecto do proxecto serán os de Estaca de Bares (Mañón), Cabo Ortegal (Cariño), Punta Frouxeira (Valdoviño), Punta Nariga (Malpica), Laxe, Cabo Vilán (Camariñas), Cabo Touriñán (Muxía), Fisterra, Cabo de Cee (Corcubión), Lariño (Carnota) e Punta Queixal (Muros), nos que se deseñarán un total de 59,6 quilómetros de itinerarios de sendas ciclistas apoiados na rede viaria existente e cun ancho aproximado de 2 metros.