Concello e Xunta avanzan nas xestións para dar resposta ás necesidades de transporte dos estudantes aos institutos de Ferrol e Narón

Concello e Xunta de Galicia avanzan nas xestións coas que dar resposta ás necesidades de transporte dos alumnos e alumnas que cursan os seus estudos de Bacharelato nos institutos das cidades de Ferrol e Narón. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, explicou que a conexión entre Valdoviño e os centros educativos, con frecuencias adaptadas aos horarios lectivos, foi unha das demandas trasladadas polo Concello ao novo plan de transporte metropolitano deseñado pola Xunta. Unha demanda que atendía as reivindicacións das familias do municipio e que a Dirección Xeral de Mobilidade que dirixe Ignacio Maestro Saavedra acolleu positivamente, coa previsión de incorporala ao contrato coa empresa que resultase adxudicataria.
 
 
Non obstante, a interposición de diferentes recursos por parte das empresas do sector provocaron que este o proceso de contratación fose suspendido temporalmente e, aínda que finalmente os ditos recursos foron rexeitados na súa totalidade, provocaron unha demora nos prazos de licitación que non permitiron a implantación dos novos servizos no mes de agosto, como estaba inicialmente programado.
 
Á vista desta situación, Concello e Xunta iniciaron as xestións necesarias para ofrecer o servizo namentras que este procedemento non se resolva. Tras semanas de negociacións, Concello e Xunta confían agora en poder ofrecelo no menor espazo de tempo posible, dando solución a unha demanda histórica das familias de Valdoviño.