Preto de 200 persoas tomarán parte este domingo na IV Volta ás Forcadas

Un total de 192 persoas de todas as idades tomarán parte este domingo na cuarta edición da carreira Volta ás Forcadas que organiza o Concello de Valdoviño a través da Concellería de Deportes. Unha carreira coa que crear e fomentar hábitos de vida saudable entre a veciñanza, abandoando o sedentarismo e ofrecendo a posibilidade de ocupar de forma saudable o seu tempo de ocio. E todo isto nunha paraxe natural única como é o encoro das Forcadas.
 
 
Deste xeito, a carreira arrancará ás 11 horas e o punto de partida é a igrexa de San Pedro de Loira. Segundo a idade, estas son as categorías, con distancias adaptadas ás mesmas: Pitufos (2014 e posteriores): 100 metros; Prebenxamín (2012-2013): 100 metros; Benxamín (2010-2011): 800 metros; Alevín (2008- 2009): 1.200 metros; Infantil (2006-2007): 1.200 metros, Cadete (2002-2005): 2.500 metros; Sénior (1985-2001): 7.800 metros, e Veteranos A (1968-1984): 7.800 metros, e Veteranos B (1967 e anteriores): 7.800 metros. En todo caso, a saída irase realizando de forma escalonada entre as 11 e as 11,30 horas.
 
 
Por último, sinalar que haberá avituallamiento para todos os participantes, así como que terán á súa disposición duchas nas instalacións do pantalán das Forcadas e aseos nas inmediacións da zona de saída da carreira.
 
 
A entrega de trofeos, que presidirá o alcalde, Alberto González, xunto ao edil de área, Sergio Saavedra, estímase sobre as 12,15 horas.