O Concello abre a inscrición nas actividades extraescolares do CPI Atios

O Concello de Valdoviño, a través das Concellerías de Cultura e de Deportes, asume de novo a organización das actividades extraescolares do CPI Atios a instancias da ANPA Beiramar. Así, mañá venres abrirase o prazo de inscrición nas seguintes actividades: ximnasia rítmica, psicomotricidade, multideporte, karate I e II, piscina, patinaxe e patinaxe artística. Debe formalizarse no rexistro xeral de luns a venres de 9 a 14 horas, entregando a ficha de inscrición –dispoñible ao pé desta páxina- e fotocopia do DNI do participante ou libro de familia (e volante de empadronamento soamente no caso de que no DNI non poña a dirección de Valdoviño co ánimo de confirmar a residencia no concello). O prazo conclúe o 25 de setembro.
 
Así mesmo, a concesión das prazas farase por orde de inscrición e o curso desenvolverase entre os meses de outubro e maio. No caso de que a demanda de prazas exceda a oferta, terán prioridade, por este orde, os/as alumnos/as dos centros educativos de Valdoviño e residentes en Valdoviño; os/as nenos/as residentes en Valdoviño; os/as alumnos/as dos centros educativos de Valdoviño e residentes fóra de Valdoviño, e os/as nenos/as residentes fóra de Valdoviño. Todas as actividades están dirixidas a nenos e nenas a partir de 4 anos, agás karate –un grupo para nenos e nenas de 3 a 5 anos e outro a partir de 6-; psicomotricidade, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, e multideporte, a partir de 7.
 
O prezo das actividades é de 10 euros ao mes, agás piscina, que ascende a 27 euros –pola necesidade de custear os desprazamentos en autocar a Ferrol-. Como é costume, as actividades levaranse a cabo nas instalacións do CPI. Todo o calendario pode consultarse na web municipal. Así mesmo, requírese dun número de participantes para levar a cabo as actividades.