O Concello inicia o proceso de selección dun técnico para a atención do Océano Surf Museo

O Concello de Valdoviño informou esta mañá do inicio do proceso selectivo para a contratación dun técnico para a atención do Océano Surf Museo. Trala publicación no día de onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do anuncio da convocatoria e bases de selección, ábrese hoxe, e por espazo de cinco días hábiles, o prazo para que as persoas interesadas presenten as súas solicitudes.
 
 
As bases publicadas contemplan que a selección será por concurso-oposición, na modalidade de funcionario/a interino/a a tempo parcial e elaboración de bolsa de emprego, ao abeiro do Programa FO216/2019 da Deputación Provincial da Coruña, de subvencións dirixido aos concellos e entidades locais para contratación de persoal técnico para a atención de museos e centros de interpretación, durante o ano 2019.
 
 
As funcións a desempeñar serán, entre outras, a organización e catalogación da colección, a selección de pezas para exposición, a elaboración do discurso expositivo, a xestión dos préstamos ou depósitos en condicións de conservación e seguridade e a dinamización e relación do museo ou centro co seu contexto territorial e social. Prevese a incorporación no mes de novembro, ata abril.
 
 
Así mesmo, para participar no proceso selectivo, os/as aspirantes deberán reunir, entre outros requisitos, contar con titulación universitaria equivalente á esixida para un sugbrupo A2 (diplomatura ou equivalente) relacionada directamente co ámbito da xestión de museos (Historia da Arte, Historia, Humanidades, BelasArtes ou similares) e/ou da xestión do patrimonio natural (Bioloxía) Toda a información sobre esta convocatoria atópase no seguinte enlace: Unha praza de persoal técnico para atención do “Océano Surf Museo”.