Aberta a inscrición na I Quedada Motera Solidaria organizada polo Cámping A Lagoa

O Cámping municipal de A Lagoa, a pé do areal da Frouxeira de Valdoviño, levará a cabo nos vindeiros meses unha serie de actividades coas que busca dinamizar as instalacións e convertilas nun auténtico referente do ocio na comarca. Así, nesta liña, e coa colaboración do Concello de Valdoviño, organizará o vindeiro 5 de outubro a primeira edición da Quedada Motera Solidaria. A inscrición estará aberta ata o 26 de setembro e debe formalizarse no correo electrónico reservas@campingalagoa.com.
 
A Quedada arrancará ás 10 horas coa concentración no cámping. Ás 11 horas, iniciarase unha ruta baixo a denominación «Litoral Norte» e previsión de chegada ás 12 horas, con parada incluída, en Ortigueira. De aí, regresarase ao cámping para disfrutar, sobre as 14,30 horas, dunha caña de benvida e dun xantar de confraternidade con sorteo de agasallos, música e festa. O custe da actividade é de 15 euros (con caña e xantar) e, se se desexa reservar aloxamento no cámping, o prezo será de 10 euros para unha persoa e de 15 para dúas.
 
Así mesmo, parte da recadación destinarase á adquisición de produtos alimenticios non perecedoiros que se entregarán a Cáritas Valdoviño para o seu reparto en colaboración co departamento municipal de Servizos Sociais.
 
A iniciativa, que promove o Cámping A Lagoa, conta coa colaboración do Concello de Valdoviño e o patrocinio de Obra Social La Caixa e Estrella Galicia. A iniciativa está aberta á participación das entidades interesadas.