O Concello de Valdoviño abre a inscrición este martes nas actividades da Escola de Música

O Concello de Valdoviño informou esta mañá de que o vindeiro martes, 10 de setembro, abrirase o prazo de inscrición nas diferentes actividades da Escola Municipal de Música. A programación inclúe música en movemento para nenos e nenas de 3 a 5 anos, e guitarra clásica e eléctrica, piano, batería e canto moderno, para nenos e nenas a partir de 6 anos e persoas adultas.
 
A inscrición poderá formalizarse na Casa da Cultura de martes a venres de 12 a 14 horas, ata o vindeiro día 25 de setembro. Unha vez superado este periodo, elaborarase o calendario cos días e horarios das diferentes actividades. As clases serán dunha hora á semana cun custe de 10 euros ó mes e, no caso de anotarse en dúas actividades, a cuota será de 15 euros. Para obter máis información pódese chamar ó teléfono 981 48 76 66 (en horario de 12 a 14 h).
 
Seguindo a liña de descentralización cara as diferentes parroquias, a programación desenvolverase novamente na antiga unitaria da Carreira, en Sequeiro, e a intención do Concello é iniciar as clases no mes de outubro.