Nova Galega de Danza trae este sábado a Pantín o seu espectáculo “Tradicción”

A compañía Nova Galega de Danza traerá este sábado ao Ariño-Pantín o seu último espectáculo, «Tradicción». Será a partir das 20,30 horas, da man do Concello de Valdoviño, que recibiu unha achega da Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, e Abanca para contribuír deste xeito á programación cultural do Pantín Classic Galicia Pro, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia.
 
Nova Galega de Danza realizará un percorrido lúdico polas raíces do noso folclore. O seu último espectáculo pretende sorprender ao público utilizando os elementos que conforman o seu propio imaxinario colectivo. Unha peza que profundiza na raíz en busca da contemporaneidade: terra, percusión, madeira, vento, forza, pobo, movemento, pel, destreza e virtuosismo. A reinterpretación da tradición é un motivo recurrente ata a saciedade nas propostas artísticas do país, pero por esa mesma razón Nova Galega de Danza considera un reto reinventar a perspectiva coa que se aborda.
 
A dirección artística do espectáculo corre por conta de Jaime Pablo Díaz e Vicente Colomer, e a dirección musical, de Pedro Lamas.