Clyde Martin presentará no Océano Surf Museo o documental que revolucionou a industria do surf: “Kissed by god”

Clyde Martin presentará mañá sábado no Océano Surf Museo de Valdoviño o documental que revolucionou a industria do surf: “Kissed by god”. Será a partir das 21 horas, nunha actividade organizada polo Concello de Valdoviño con entrada libre e gratuíta. Este filme fala da vida de Andy Irons, un dos mellores surfistas do mundo ata o momento a quen Clyde Martin coñeceu de preto, e da súa relación coa competición. Esta película, así coma o libro de Clyde Martin, son dous elementos que levan á reflexión e comprensión do mundo deportivo ao redor do surf. Tras a presentación, a proxección do documental comezará ás 21,30h e complementarase con outros vídeos do arquivo do Océano Surf Museo. 
 
Previamente, ás 13 horas, a editorial Libros del Océano presentará nestas instalacións as súas últimas obras facendo maior fincapé no Manifesto para a Protección das Ondas. Así, Jesús Busto, Vicente Irisarri e Carlos Lorenzo contarán as particularidades desta pequena organización e darán pistas sobre os movementos futuros. 

O programa especial do Océano Surf Museo vencellado ao Campionato de España de Surfing que se está a celebrar na Frouxeira, e que está a organizar o Concello de Valdoviño, rematará o domingo cunha visita guiada no museo ás 12,30 h. A inscrición está aberta a través deste formulario: http://bit.ly/ACTIVIDADESOSM.