O escritor Ramón Casadó presenta en Valdoviño a súa primeira novela

O escritor catalán Ramón Casadó Sampedro presentará este domingo, 9 de xuño, a súa primeira novela, Cuando despiertes, procura recordar en Valdoviño. Será a partir das 19 horas na sala de exposicións temporais, con entrada libre.
 
Dende moi temperá idade embárcase nas súas dúas grandes paixóns: a pintura e a literatura. Debido a unha enfermidade conxénita que afecta aos seus brazos e pernas, verase obrigado a utilizar unha cadeira de rodas para os seus desprazamentos, pero esta falta de mobilidade non constitúe un impedimento que free as súas ansias de formarse e de explorar diferentes campos. Así, cursa estudos de Dereito na UNED e compaxina estes con diversas actividades no plano deportivo. Neste sentido, desde 1995 ata 1999 preside o primeiro club de xadrez, en toda Europa, cuxos deportistas están afectados por algún tipo de discapacidade física.
 
 
Aínda que nos seus anos de mocidade escribe un bo número de relatos curtos, non é ata o seu traslado a Galicia, en 1992, cando comeza a esbozar un proxecto literario máis ambicioso, que culminará coa escritura do presente libro.
 
 
Desde o ano 2001 é bolseiro da Asociación de Pintores coa Boca e Pé. As súas obras foron expostas en diversas exposicións individuais e colectivas. Igualmente, é o administrador de dous blogues: Negrosobreblanco.net, de ámbito literario, e Todociencia.net, de ámbito científico.
 
 
A súa novela aborda a historia de Luis que, tras un accidente de tráfico, esperta do coma e vese obrigado a afrontar a nova realidade marcada pola súa tetraplexia. Atrás quedan os recordos dunha vida gris como avogado de segunda fila, os restos dun matrimonio que cae a pedazos e o consolo de poder pasar o maior tempo posible xunto á súa filla Azucena. Cando todo parece xa non ter sentido e empeza a crer que o seu destino estará irremisiblemente unido ao dunha cama hospitalaria, descobre por accidente que unha serie de pesadelos atorméntano cada noite. A pesar de non lembrar o seu contido, pronto ideará unha enxeñosa táctica para pescudar que segredo encerran, e así xurdirán unha serie de historias e relatos que cambiarán a súa vida para sempre. Con todo, Luis descoñece que detrás do descubrimento escóndese un grave perigo.