A actriz Stephy Llaryora trae a Valdoviño o seu monólogo “Eu quero ser galega”

O auditorio da Casa da Cultura acollerá este domingo 5 de maio o monólogo «Eu quero ser galega», a cargo da actriz Stephy Llaryora. Será a partir das 19 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo.
 
O espectáculo consta de dúas partes diferenciadas, cada unha co seu contido e personaxe independente. Parte da súa graza está na transformación dunha parte noutra, así como no uso do castelán e o galego.
 
Na primeira, Stephy en "Nueba LLorq sen sexo" (en castelán) fálanos desde os seus taytantos, solteira, sen fillos nin miras. En contraste coas súas amigas-nais ou casadas, e fronte á demanda de ir "sentando a cabeza" que "corresponde" á súa idade. Preguntándose finalmente desde o humor, se este é un acto voluntario ou un requirimento social... desde: por que o bebé da túa amiga ten que ser monísimo, ti mesma tes que estar monísima, ata por que temos tantos roles paralelos as mulleres. Visión cómica de muller independente, metade satisfeita coa súa realidade, metade indignada por non dar coa media laranxa. Desde este prisma cómico desenvolve outros temas paralelos como vivir nun barrio pluricultural, verdade ou mentira nas relacións a distancia, entre outros…
 
Na segunda parte (en galego) amósase a unha transformada Stephy, produto da súa chegada e vivencias en Galicia. Agora será Stefilloa.
 
Este é un texto escrito e interpretado especialmente por e para o público galego. Nesta parte, Eu quero ser galega, a actriz de orixe vasca, namorada de Galicia, e medio vestida de galega, contaranos o seu desexo de integrarse e ser "adoptada" pola cultura galega, a través dunha infinidade de aventuras autobiográficas e altamente cómicas que viviu desde a súa chegada a estas terras. Eu quero ser galega é un monólogo dunha vasca querendo galeguizarse, que se atopa, neste proceso de "conversión", con todo tipo de personaxes e situacións propias dunha cultura tan única como é a galega, para consecuente sorpresa dela e identificación do público galego. Está cheo de tenrura, comicidade, análise e identificación coa cultura.
 
Ambas partes están condimentadas con bastante interacción co público, Stephy/ lloa fará participar aos espectadores e ata pode facelos saír ao escenario. Como colofón final temos unha imitación cómica dunha das grandes como homenaxe á muller: Tina Turner con participación do público. Así finalizamos cunha enerxía alta e festiva este completo e variado espectáculo.