O Océano Surf Museo recibe á organización do Ferrolog Surfing Invitational para a presentación pública do evento

Un diverso público achegouse o pasado venres á tarde ao Océano Surf Museo. A intención non foi só coñecer a historia que alberga o museo, senón acudir á presentación do Ferrolog Surfing Invitational, un evento que está a espertar unha considerable expectación a nivel mundial en termos de Long Board Clásico.
Esta actividade encáixase na programación do Océano Surf Museo, que abre as súas portas ao surf non só local, tamén autonómico.
O acto foi presentado por Alberto González, alcalde de Valdoviño e vicepresidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, quen agradeceu á organización a determinación e valentía para poñer en marcha actividades que suman no territorio.
Durante a presentación, os organizadores do evento, Pablo Solloso, Remi Berthet e Carlos Pita, confesaron que as súas expectativas se están a ver superadas no senso do bo acollemento que está a ter o festival. Recoñecen tamén que o Ferrolog vai a contribuír a converter a vertente atlántica da península ibérica no centro do Long Board no mes de maio.
Surfistas internacionais de renome están a responder ás invitacións que os convidan a surfear as ondas de Esmelle, A Fragata e O Vilar os vindeiros 10, 11 e 12 de maio. O evento levarase a cabo nas dependencias do Camping de As Cabazas en Cobas (Ferrol), e non só haberá surf, entre moitas das actividades destacan: unha Shape Room, unha competición amateur, exhibición de gliders e a presentación do “Manifesto para a Protección das Ondas. Pódese acceder a máis información do festival na súa páxina web: https://ferrolog.org/