Arrancan as obras de acondicionamento da piscina municipal de Lago

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá do inicio das obras de acondicionamento da piscina municipal emprazada en Lago. Xunto a outras dúas intervencións en instalacións municipais, o investimento da actuación ascende a 110.803 euros que se financiará con cargo ao Plan Único de Concellos (POS+Adicional). Unhas obras que o Concello prevé conclúan antes do inicio da tempada de baño, no mes de xuño.
 
A intervención contempla unha nova impermeabilización do vaso, renovación de boquillas, canaletas e sumidoiros, coa colocación dun novo pavimento en todo o seu perímetro, facilitando tamén a súa accesibilidade. Traballos todos eles cos que dar solución aos problemas estruturais das instalacións, que impiden o seu uso e desfrute.
 
De feito, o pasado ano o Concello non puido abrir a piscina na época estival e, para garantizar a realización dos cursos de natación e actividades acuáticas que promove a Concellería de Deportes cada ano, xestionou a cesión de uso da piscina da Saíña.
 
O inicio destas obras, segundo explicou o alcalde, pon fin a un longo proceso administrativo que se iniciaba coa aprobación en pleno do investimento necesario para financiar as actuacións. A implantación da administración electrónica dilatou os prazos de licitación e o Concello tentou axilizar a situación delegando a contratación na Deputación. A adxudicación definitiva dos traballos tiña lugar o pasado mes de febreiro e, agora, arrancan coa vista posta no seu remate máis inmediato.