O Concello dotará o entorno da Frouxeira de conexión wifi gratuíta

O alcalde, Alberto González, avanzou esta mañá a intención do Concello de convertir o paseo da praia e lagoa da Frouxeira no primeiro espazo público do municipio en dispor de conexión wifi gratuíta para os veciños e veciñas. Con ese obxectivo, a Administración local vén de presentar o proxecto á liña de axudas europeas "Wifi4EU". Solicita unha subvención estimada en 15.000 euros para a instalación e o equipamento de equipos de wifi nesta contorna, de modo que o custe da iniciativa sexa cero para as arcas municipais.
 
As redes financiadas polo programa "Wifi4EU" son gratuitas, sen publicidade e sen recollida de datos persoais, e só son financiadas aquelas que non dupliquen ofertas gratuitas, privadas ou públicas de calidade similar.
 
Nesta liña, Alberto González confiou en recibir o visto bo á proposta, aínda que xa avanzou que esta será unha realidade con fondos europeos ou municipais.